Saturday 27 de April de 2024

O alcalde solicita á administración competente medidas correctoras na desembocadura do río Listres


O alcalde de Riveira púxose esta mañá en contacto co Ministerio de Medio Ambiente por medio da Demarcación de Costas de Galicia para expresar a súa preocupación ante os problemas de anegamento que se están a producir na desembocadura do río Listres.

Á vista dos informes elaborados por técnicos municipais que se personaron no lugar en cuestión, Ruiz Rivas solicitou que técnicos da administración estatal revisen in situ a actuación realizada polo órgano ministerial co fin de preservar o sistema dunar, e que se tomen as medidas correctoras oportunas para evitar na medida do posible situacións como as que se están a ocasionar: situacións de cuxa posible aparición (especialmente coas mareas vivas do inverno) xa foran advertidos.

Así mesmo -e aínda que o Concello non é a administración competente nesta materia- o rexedor solicitou autorización para que, cos seus propios medios, o ente local poida actuar excepcionalmente para abrir a canalización ao mar e permitir así a evacuación da auga embolsada.